Proxecto de Dinamización da Lingua Galega:
O Equipo de Dinamizacón da Lingua Galega (EDLG), na súa tarefa de conseguir unha maior competencia lingüística do alumnado e no seu afán de mellorar as destrezas comunicativas deste, segue a propoñer, planificar e desenvolver dinámicas integradoras que fagan partícipe e protagonista do proceso de normalización lingüística da lingua galega a toda a comunidade educativa.
Proxecto lector:
Seguimos formando parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia). Continuamos desfrutando dunha biblioteca entendida como un contorno tanto físico como dixital, de aprendizaxe e lecer. A lectura, o interese, a investigación, o pensamento, a imaxinación e a creatividade son os nosos ingredientes para axudar ao crecemento persoal, social e cultural do noso alumnado.
Tecnoloxía e investigación:
A través de proxectos buscamos fomentar a curiosidade e a imaxinación, abranguer problemas desde diferentes puntos de vista, aprender construíndo; en definitiva, incentivar as habilidades científicas e tecnolóxicas, así como as destrezas comunicativas e expresivas fomentando o sentido crítico.
Proxecto CANSAT
Proxecto de Innovación Educativa que busca difundir e potenciar o ámbito aeroespacial dentro das aulas, conectándoo cos contidos curriculares, fomentando o interese e ampliando as competencias nas materias de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas entre o alumnado, así como a creatividade e a innovación.
Pluribach
O alumnado do programa Pluribach benefíciase da experiencia de moitas maneiras:
Desenvolven unha variedade de habilidades lingüísticas que son e serán transferibles a toda situación comunicativa nas súas vidas persoais e profesionais. Prepáranse para un futuro profesional onde se sentirán a gusto desenvolvéndose en lingua inglesa.Fanse máis conscientes das vantaxes interpersoais e interculturais ligadas á aprendizaxe de idiomas; gañan autonomía persoal, gozan cooperando e creando xuntos como parte dun equipo, melloran a súa capacidade de memoria e concentración, e aumentan a autoestima. Prosperan cunha metodoloxía activa e participativa, que fomenta o respecto, a axuda e a confianza mutua.
O enfoque activo das materias, impartidas ambas en inglés, fainas especialmente útiles e interesantes:
· “Universal Literature”, con catro horas de clase á semana en 1º de bacharelato, e integrada como materia optativa do curso, prepara ao alumnado para debater sobre os grandes escritores e as grandes obras literarias, os personaxes, os contextos, as problemáticas descritas...A través de proxectos e presentacións, o alumnado mellora o seu nivel de inglés á vez que os seus coñecementos sobre as obras mestras da literatura.
· “Oral Expression”, materia extracurricular con dúas horas á semana durante os dous cursos de bacharelato, axuda ao alumnado para mellorar as súas habilidades lingüísticas coa preparación dunha obra de teatro en 1º de bacharelato, e cunha formación específica e especializada en presentacións orais, entrevistas e debates, en 2º de bacharelato.
Ao finalizar bacharelato, o alumnado que cursou Pluribach ten unha mención especial no seu historial académico.
STEMbach
O alumnado STEMbach fórmanse nunha materia extracurricular realizando un proxecto de investigación en colaboración cun departamento ou centro de investigación da universidade. Ao acabar os dous anos de bacharelato deberán presentar e defender publicamente o seu proxecto. Este bacharelato proporciona aos seus alumnos unha serie de técnicas e estratexias básicas que lles serven tanto para a súa aplicación noutros campos de estudo como para o desenvolvemento de futuras actividades profesionais.
Tamén se pretende que teña un carácter formativo, moi importante para os alumnos e alumnas, que potencie neles a consolidación de pericias, estruturas mentais e actitudes; en particular, a resolución frecuente de problemas cos que se atoparán proporcionará ao alumnado actitudes e hábitos de investigación, facilitaralles técnicas útiles para enfrentarse a situacións imprevistas e fomentará a súa creatividade.
O STEMbach completa ademais a formación en aspectos como ter unha visión ampla e científica da realidade, o desenvolvemento do sentido crítico e outras capacidades persoais e sociais como son a mellora das destrezas comunicativas orais e escritas.