STEMbach

O Colexio Compañía de María da Coruña ofrece o bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía STEMbach, unha nova modalidade de Bacharelato recentemente implantado en Galicia que busca contrarrestar a tendencia moi marcada nos aspectos puramente académicos das materias de ámbito científico desta etapa, coa incorporación de elementos formativos relativos ao ámbito da actividade técnico-profesional.

Os alumnos do STEMbach ademais de cubrir os distintos contidos curriculares propios da modalidade científico-tecnolóxica do bacharelato formaranse nunha materia extracurricular para a realización dun proxecto de investigación en colaboración cun departamento ou centro de investigación da universidade. Ao acabar os dous anos de bacharelato deberán presentar e defender publicamente o seu proxecto. No seu papel instrumental e funcional, este bacharelato proporciona aos seus alumnos unha serie de técnicas e estratexias básicas que lles serven tanto para a súa aplicación noutros campos de estudo como para o desenvolvemento de futuras actividades profesionais.

Tamén se pretende que teña un carácter formativo, moi importante para os alumnos e alumnas, que potencie neles a consolidación de pericias, estruturas mentais e actitudes; en particular, a resolución frecuente de problemas cos que se atoparán proporcionará ao alumnado actitudes e hábitos de investigación, facilitaralles técnicas útiles para enfrontarse a situacións imprevistas e fomentará a súa creatividade.

O STEMbach completa ademais a formación en aspectos como ter unha visión ampla e científica da realidade, o desenvolvemento do sentido crítico e outras capacidades persoais e sociais como son a mellora das destrezas comunicativas e expresivas (orais e escritas).

 

 

10-6-20 PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN 19-20

3-3-20 LABORATORIO DE XENÓMICA DA USC

23-9-20 Naukas (bilbao)