3ºESO: Ireland

24-10

Osos  pardos e polares, bisontes, leóns, ornitorrincos, aguias, falcóns, orangutáns, bacallaus, lesmas mariñas...
 
Miles de animais rodeábannos. Que tipo de lugar era este? O Museo de Historia Natural de Dublín! Centos de naturalistas da época  victoriana percorreron o mundo fai máis de cen anos para que os seus coetáneos, e nós mesmos puidésemos ver como eran moitos animais de todos os continentes. A exposición ten un aire decimonónico que a fai moi atractiva. 
 
E a nosa viaxe chega ao seu fin. Thank  you,  Mighty  Mandy,  Kingly  Kieran, Caring  Colette,   Attentive  Angie,  Cute  Colleen,  Just Jack,  Artistic  Angela,  and  to all  the  people  who  have  made  our  stay  in  Bray so  comfortable.  Hoxe volvemos á nosa querida Coruña, e farémolo felices, pero seguro que levaremos connosco un anaquiño de Irlanda no corazón. 
 

Farewell,  Bray!

 
23-10

 

Hi, our  friends,

Tedes que probalo! O baile irlandés é  divertidísimo. Pasos adiante, pasos atrás, xiros,  saltiños, todos xuntos, por parellas, nun círculo,  en dúas columnas,... Que fantástico exercicio, e que risas, e todo ao ritmo dunha alegre música tradicional irlandesa e nun salón dun precioso hotel  victoriano que viu moitas, moitísimas tardes de lecer fronte ao mar.
 
Hoxe iremos ao Museo de Historia Natural de Dublin.  Será despois de nosas últimas clases aquí. Que rápido pasou o tempo! Falarémosvos de todo o que pase na próxima, e última,  entrega do noso diario. Non deixedes de lelo.

 

22-10
 
Beannachtaí ó Éirinn! / Saúdos desde Irlanda!
 
Onte viaxamos no tempo na preciosa vila de Dalkey. No seu castelo coñecemos dous personaxes da época medieval; un ensinounos as vantaxes do arco longo e da  bésta, así como a distinguir distintos  tipos de frechas,  e o outro falounos da comida na Idade Media e do labor dos barbeiros de entón: podían tanto cortarche o pelo como facerche unha sangría  (sacarche o sangue que supostamente sobra), ou amputarche un  membro. Aprendemos por que mesmo hoxe en día indícase onde hai unha  barbería cun poste branco cunha raia helicoidal vermella e mesmo acuñamos moeda viquinga coas nosas propias mans!.
 

Hoxe aprenderemos a bailar a danza típica irlandesa. Promete ser divertido. Se queredes saber sobre as nosas andanzas, seguídenos neste diario.

 
21-10

 

" Dia duit, a chairde" , que significa "Ola, amigos" en Irlandés. 
 
Seguimos empapándonos de Irlanda, e non falamos de auga, pois a sorte acompáñanos co tempo. 
 
O venres fomos á boleira de  Bray e pasamos uns momentos agradables competindo entre nós.
 
O sábado fomos a Dublín, onde participamos no  Viking  Splash Tour: subidos a un vehículo anfibio de 77 anos de antigüidade fixemos un percorrido polas rúas da cidade e pola auga! Berramos aos viandantes coma se fósemos guerreiros atacando aos cidadáns e aprendemos da historia do lugar. Foi moi divertido. Despois tivemos tempo para pasear e para compras.
 
O domingo algúns quedaron a pasar o día coas familias, e outros fóronse a  Dundrum,  onde hai un gran centro comercial. 
 
Mañá visitaremos un castelo.
 

Seguide as nosas andanzas aquí. Contamos convosco!

 
18-10
 

Hi  there!

Benvidos ao noso diario. 
 
Onte fomos ao  National  Museum  of  Ireland, ao edificio dedicado á arqueoloxía. Aprendemos sobre a sociedade da idade de pedra, vimos xoias de hai dous mil anos, e coñecemos as orixes  viquingas de Dublín. Vimos os restos de reis sacrificados polos seus súbditos  porque facía mal tempo, pois se chovía demasiado entendían  que se debía  a que eran malos gobernantes. Incrible!
 
Mañá iremos xogar aos birlos ao Bray Bowl Entertainment, e despois teremos tempo libre pola vila. O luns contarémosvos sobre a nosa fin de semana.
 
17-10
 

Ola a todos:

Onte fomos a Dublin, a vibrante capital de Irlanda. Alí visitamos, entre outras cousas, a estatua de Óscar Wilde, un dos máis insignes escritores irlandeses.

Fomos á Trinity College, e aprendemos sobre o Book of Kells, un libro espectacular escrito hai 1200 anos nun pergamiño procedente de 150 tenreiros. Despois visitamos a estatua da máis coñecida dublinesa, a peixeira Molly Malone, cuxa pantasma aínda percorre as rúas da cidade vendendo berberechos e mexillóns. Tivemos un pequeno tempo para compras, e volvemos a Bray nun tren que fai un percorrido precioso a carón do mar.

Hoxe visitaremos o museo nacional de Irlanda, no que aprenderemos máis cousas curiosas da historia deste pequeno país.

Mañá contámosvos máis!

16-10

Greetings from Ireland!

Saúdos a todos desde a Illa Esmeralda. Onte, dezanove rapaces e rapazas chegaron á bonita localidade de Bray para pasar nove días cheos de clases, viaxes e actividades diversas.
 
Irlanda recibiunos con tempo seco e incluso hoxe quenta o sol. Tras  un percorrido matinal pola poboación,  e un descansiño,  houbo unha clase, e pola tarde iremos a Dublin coñecer  unha xoia medieval: The Book of Kells, en Trinity College. 
 
Mañá contarémosvos a visita!
 
Pinchando aquí, podemos ver as fotos da viaxe.