Segundo Galardón Reto Challenge STEM

O noso colexio obtén o segundo galardón na final da primeira edición do reto Challenge STEM que organiza a Universidade de A Coruña no campus industrial de Ferrol

Ao longo do mes de outubro, preto de 270 estudantes de bacharelato da rama científica e de FP de centros educativos de toda Galicia, divididos en 52 grupos de entre catro e seis persoas, intentaron resolver varios retos sobre un buque cargado con gas que tiña previsto descargar nun porto da ría de Ferrol. Un desafío en liña que puxo a proba os seus coñecementos en materias como as matemáticas, o cálculo, a física, a química, as ciencias e a tecnoloxía.

Un dos catro grupos de traballo do Colexio, conformado por Candela Garea Veiga, Yago López Solórzano, Marcos Pérez Graíño, Eugenia Sánchez Castelo e Lucas Valencia Solá, chegou á final presencial deste Challenge STEM UDC, para intentar resolver o último dos retos sobre este buque nunha proba para obter unha solución que permitira rescatar a un membro da tripulación que caera pola borda.

 

 

Podemos ver na foto superior, de esquerda a dereita, Ana Ares, directora do Campus Industrial de Ferrol, Eugenia Sánchez Castelo, Marcos Pérez Graíño, Yago López Solórzano, Lucas Valencia Solá e Candela Garea Veiga.

O bo traballo en equipo que realizaron permitiulles deseñar, prototipar e presentar unha solución factible e confiable coa que lograron convencer ao xurado e así obter o segundo galardón desta primeira edición.