E.S.O.

 

A Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) é unha etapa educativa obrigatoria  que completa a educación básica. Consta de catro cursos académicos que se realizan ordinariamente entre os 12 e os 16 anos de idade. Con todo, os alumnos terán dereito a permanecer en réxime ordinario cursando o ensino básico ata os dezaoito anos de idade.

Organízase de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade e presta especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado.

Desde o curso 2015-2016 comprende dous ciclos; o primeiro de tres cursos escolares e o segundo dun. Este último, de carácter fundamentalmente propedéutico, pode cursarse por unha das dúas seguintes opcións:

· Opción de ensinos académicos para a iniciación ao Bacharelato.

· Opción de ensinos aplicados para a iniciación á Formación Profesional

 

A Educación Secundaria Obrigatoria ten como finalidade:

·     Lograr que todos adquiran os elementos básicos da cultura: humanísticos, artísticos, científicos e tecnolóxicos.

·     Desenvolver e consolidar hábitos de estudo e de traballo.

·     Preparar para a incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral.

·     Formar a todos para o exercicio dos seus dereitos e obrigacións na vida como cidadáns.

As competencias clave do currículo desta etapa serán as seguintes:

- Comunicación lingüística (CCL).

- Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT).

- Competencia dixital (CD).

- Aprender a aprender (CAA).

- Competencias sociais e cívicas (CSC).

- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).

- Conciencia e expresións culturais (CCEC).

Para unha adquisición eficaz das competencias e a súa integración efectiva no currículo, deséñanse actividades de aprendizaxe integradas que lle permitan ao alumnado avanzar cara aos resultados de aprendizaxe en máis dunha competencia ao mesmo tempo.

En canto á metodoloxía empregada, cabe destacar a aprendizaxe cooperativa, o desenvolvemento das intelixencias múltiples e acompetencia tecnolóxica e dixital e o estudo a partir de traballos por proxectos.